Portfolio

Estar é ser (Parte I)

Descripción

“Sem as montadas, os cavaleiros seriam peões.
O lugar é que faz a localidade. Estar é ser” (F. Pessoa)

Estar no espazo. Sentir o espazo. Poucas situacións hai máis atractivas para un creador que plantexar e analizar a través da súa arte a súa relación coa súa contorna. Establecer os fíos que o engudellan co seu ámbito de vida cotiá. Raquel Calviño coa súa cámara amósanos unha especial sensibilidade para achegarse a esa cuestión. Cada vez máis firme nas súas miradas e nas súas propostas, a súa posición fronte ao exterior amosa a unha creadora cada vez máis segura da súa aposta. Esa mirada pousase nesta ocasión en Pontevedra, antes o fixo en vilas do Portugal que tanto quere a nosa protagonista. Alí forxou unha mirada que pescudaba o sentir e o ser do ser humano nun espazo común, a relación dos ‘figurantes’ dunha sorte de gran escenario para calibrar o que outro fotógrafo, Jordi Bernardó, califica como “a responsabilidade do espectador ante a percepción do real”, unha responsabilidade que xorde de cómo o ser humano se relaciona con esa contorna na que se move a diario e que pasa a formar parte dun itinerario vital.

O estar convértese así no ser. Un ser entendido como a sublimación dese estar, o paso adiante que, como na frase de Pessoa, asume que as cousas son en función do eu e dunha presenza que loita contra a ausencia. Somos en tanto que nos relacionamos con noso mundo e definimos unha posición xunto a el. Raquel Calviño gusta de dialogar dende esas dúas variables de todo escenario urbano, a presencia e a ausencia como compoñentes modificadores do real. Unha dualide que vai estar sempre presente ao longo de toda a exposición tomando distintos matices nas diferentes series que compoñen a mostra.

O certo é que esas series son casi unha soa, plantexándose un percorrido que Raquel Calviño leva rastreando dende hai un ano nas rúas e prazas dunha cidade que fai deses espazos o seu latexo máis íntimo. Un tempo necesario para captar as súas variacións físicas ao longo do día e incluso para establecer vencellos con eses paseantes que, en certos momentos, toman o papel protagonista ao ser eles mesmos os que toman a fotografía. Todo este diario que configuran unhas imaxes ás que se respecta incluso a súa numeración como testemuña desa situación, lembra os propósitos doutro fotógrafo da vida, do pulo do real, como o americano Stephen  Shore, que tamén fixo do seu traballo unha sorte de diario no que lonxe de buscar grandes instantes da existencia o que lle interesaba era reflectir eses “momentos nos que nada ocurre”. Miradas que semellan baleiras pero que lonxe de ser así están cheas de suxerencias e de posibilidades, non só visualmente fermosas e cunha forte carga plástica, senón tamén pola súa capacidade para reflectir elementos que nos poden pasar desapercibidos como os cambios no tempo ou a revisión dunha cidade en constante muda, aínda que non nos demos conta máis que co paso dos anos. Pero os minutos e os segundos tamén fan o seu traballo, de vagar, pero sempre dun xeito constante, e a cámara de Raquel Calviño convértese no rexistro dese tempo suspendido no que ás veces só nós rachamos unha atmosfera que dende a nosa ausencia orixina unha especie de espazo máxico no que os
rincóns da cidade, ou os obxectos agochados nos seus comercios, activan o seu protagonismo adormecido.

Mirar á cidade. Eso que pensamos que facemos cada día acada con Raquel Calviño unha nova dimensión, unha faciana nova dentro dun discurso de fondo que nos permite ver a esta cidade como poucas veces se viu, acostumados como estamos a unha visión fosilizada, antiga se se quere, como as que conteñen as postais que se envían para amosar unha cidade que non é esa que aparece nesas imaxes. A nosa protagonista actualiza esa mirada e a converte na mirada do noso tempo, una xeito de mirar que nos fai estar, pero tamén ser.

Ramón Rozas (Comisario)

Resumen
Compartir