Fuente: Belén Lopez – 30/03/2018 – Diario de Pontevedra
O colectivo formado por Raquel Calviño, Cristina Brea, Paula Pez e Rita Ibarretxe realiza unha reflexión sobre o alter ego en ‘El otro yo’
O traballo arredor do alter ego veu centrando , nos últimos anos, boa parte da obra da fotógrafa Raquel Calviño (Pontevedra, 1970). Como membro do colectivo Al Norte, a creadora exerce agora de comisaria nunha mostra no que as súas compañeiras neste grupo, as viguesas Cristina Brea, Paula Pez e Rita Ibarretxe, reflexionan sobre o mesmo asunto. O resultado da proposta é El otro yo, unha mostra que se poderá visitar entre o día 6 (cando se inaugure ás 19.30 horas) ata o 28 de abril no espazo Nemonon de Pontevedra (Villa Pilar).
“O colectivo naceu dun xeito case natural en 2013, a raíz da exposición Móbil_Foto_Crea, que se realizou en Cambados”, conta Calviño, que lembra que naquel momento eran sete autoras e que realizaron xuntas máis propostas, entre elas, o proxecto Feminino Plural ou o titulado Caderno de exercicios para poetas visuais, este último dentro da programación do Outono Fotográfico de 2015. “O noso obxectivo: contribuír á visualización do traballo das fotógrafas mulleres”.
DEBATE. El otro yo é a primeira exposición que realiza Al Norte dende que son só catro integrantes. Nace, segundo di Calviño, das reunións que manteñen para debater propostas. “A idea do alter ego foi unha das que barallamos, nunha das nosas xuntanzas, para desenvolver un proxecto en común”, explica a comisaria. “No meu caso, simplemente se trataba de darlle continuidade ao traballo que viña facendo dende hai moito tempo e sobre o que seguirei investigando”.
No caso das súas compañeiras, realizaron obras específicas para a mostra que se inaugurará en Nemonon. “En realidade, aínda que todas coincidimos no feito de ser mulleres fotógrafas, as nosas propostas, o xeito no que traballamos e ata os nosos puntos de vista son moi diferentes. Penso que é algo que se vai poder observar perfectamente nesta exposición, na que nos achegamos ao mesmo tema, pero dende perspectivas distintas”, comenta a comisaria. “Pero, pese a todo iso, complementámonos moi ben á hora de organizarnos”.
Sobre a temática escollida, Calviño cre que, tanto na súa proposta como nas das súas colegas, precísase do punto de vista do espectador para rematalas. “Todas volvemos a ollada cara esa idea dos diferentes eus, pero as historias que contamos rematan na ollada do espectador”, comenta.
- Raquel Calviño
- Paula Pez
- Cristina Brea
- Rita Ibarretxe